Inicio > Novas > Presenza de Grupo Nove en SALIMAT 2018

Presenza de Grupo Nove en SALIMAT 2018

O 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2018, que se celebra dende o xoves ata o domingo 10 de xuño, contará coa presenza de cinco cociñeiros do Grupo Nove.

Baixo o nome “Innovando na tradición” realizarán dende o venres catro sesións nas que elaborarán en directo creacións incluíndo novos produtos presentes na área Alinova da Feira, na cal se presentan os últimos lanzamentos ao mercado.

Así, o venres ás 18.00 horas o showcooking estará dirixido exclusivamente aos importadores e distribuidores participantes nos Encontros Internacionais de Compradores do Certame, e será a cargo de Lucía Freitas, do Restaurante ‘Bib Gourmand’ A Tafona de Santiago de Compostela, e Javier R. Ponte “Taky”, do catering Boketé.

Ámbolos dous compartirán de novo cociña nunha das sesións do sábado, á mesma hora pero xa orientada aos visitantes.

Tamén o sábado, ás 12.00 horas e dirixida a público xeral, a demostración correrá a cargo novamente de Lucía Freitas xunto con Yayo Daporta, do restaurante homónimo con Estrela Michelin de Cambados.

O domingo, tamén a mediodía, as elaboracións serán realizadas por Antonio Botana, do restaurante Pandemonium de Cambados, e Rafael Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, tamén con Estrela Michelin. Mostrarán as posibilidades culinarias de varios produtos a distribuidores e tendas gourmet convidados ao salón.