Inicio > Novas > Nova tempada de Top Chef con Yayo Daporta como novidade no xurado

Nova tempada de Top Chef con Yayo Daporta como novidade no xurado

Os gastrónomos televisivos teñen esta noite, 8 de setembro en Antena 3 ás 22.30 h unha cita coa 2ª tempada de Top Chef, que volta á grella con novidades. Unha delas é a fichaxe do noso YAYO DAPORTA para formar parte do xurado, que se completa con Susi Díaz e Alberto Chicote, xa toda unha estrela da pantalla. 

Para o público galego, outra novidade: a presenza entre os concursantes da única representante da comunidade, a cociñeira Inés Abril, de 34 anos, que hai tempo deixou a carreira de Filoloxía Clásica para comezar outra no mundo da restauración. Os oito últimos anos desempeñou o seu oficio no restaurante vigués Maruja Limón, que tamén conta cun membro do Grupo á fronte dos fogóns, o noso Rafa Centeno, e que goza tamén, como no caso do restaurante de Yayo Daporta, dunha estrela Michelin. 

Ademais de Inés Abril e Yayo Daporta, outros galegos asomarán polo programa e como non podía ser doutra maneira, tamén pertencen a Nove: trátase de Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, en O Grove, e de Pepe Solla, de Casa Solla, Poio. E xunto á súa presenza, o programa ofrecerá espazos gravados en Galicia, como unha visita a Santiago de Compostela. 

Olleros será un dos moitos profesionais que desfilen por Top Chef, xunto a Martín Berasategui, Ángel León, Rodrigo de la Calle, Francis Paniego, Andoni Luis Adúriz ou Sergi Arola, entre outros. En total serán 16 os participantes os que loiten pola vitoria en Top Chef, unha competición que Antena 3 asegura será dun «altísimo nivel gastronómico». 

Os concursantes son todos profesionais do mundo da restauración, aínda que unha das novidades desta tempada a constitúe a posibilidade de que un afeccionado se mida contra eles. As probas serán individuais, por parellas ou en grupo, e cada semana terán un nivel crecente de dificultade, deixando no camiño en cada entrega a un aspirante. 

Fonte: La Voz de Galicia