Pepe Vieira Camiño da Serpe

Restaurante

“Camiño da Serpe”

“En cada unha das mesas do restaurante Pepe Vieira - Camiño da Serpe está depositada no centro unha pequena ponla de carballo. Toda unha declaración de intencións sobre o que é este lugar, que nos deixou impresionados e emocionados. Colles esa ponliña de Carballo na man, e aí resúmese o sentido deste lugar. Os pratos, un tras doutro, veñen cheos das florciñas diminutas, lilas ou amarelas, que nacen nos camiños das serras galegas; os liques xorden dos alimentos, ilustrando platos de vocación paisaxística e ambiental conectados coa terra. [break]Pode parecelo, pero aquí, no Camiño da Serpe, nada é efectista nin sobreactuado. É tan sinxelo e lóxico coma o decorrer dun río. Non hai restaurante en Galicia no que un teña a sensación de que te estás a comer o contorno, nin no que se aprecie tan claramente un proxecto vital e profesional levado á realidade. Un lugar moi moderno, sostíbel, integrado na paisaxe, con capacidade de transmitir por si mesmo, de desvanecerse no contorno, de ser o contorno, o terroir, a bioloxía, a cultura, pero unha cultura de moi adentro, case tectónica, xenética, visual.” (Manuel Gago)