Cociñeiro

"Pertenzo á cuarta xeración dun restaurante inaugurado en 1923. Tiña sete anos cando me queimei elaborando unha salsa de tomate coa miña avoa Pepucha. A aventura conlevou tres días encamado pero eu tiña claro que quería ser cociñeiro e o meu idilio cos fogóns non fixera máis que comezar. É o seo da miña familia. A boa mesa e os grandes cociñeiros facían espectaculares as celebracións na casa. Levabámolo no sangue que herdamos da miña bisavoa Jesusa, unha persoa moi avanzada para a súa época. Ela é o meu referente pola súa elegancia e o seu perfeccionismo. Adoraba e mimaba a horta e a cociña. Lembro como seleccionaba durante unha hora as patacas para facer unha boa tortilla. Esa era daquela a base da súa cociña, xunto cos percebes.

En 1995 tomei as rendas da Gabeira e marqueime un prazo de cinco anos para, aplicando os meus estudos e habilidades, convertelo nun restaurante de referencia na comarca de Ferrol. Non persigo o favor da crítica, aínda que un sempre agradece que valoren o seu traballo. Cociño para a miña cidade. Aínda que sigo as novas tendencias, aplícoas con certa mesura, con humildade, con respecto ao produto e especialmente ao cliente. Podería elaborar pratos máis arriscados pero prefiro pisar firme e seguro porque o restaurante tamén é unha empresa que ha de manter as familias que nela traballan. A Gabeira é o meu capricho e a miña ilusión, pero a miña filosofía é realista."

Miguel A. Campos